Wednesday 15 de May de 2024

O Concello de Noia acorda a suspensión de todas as actividades municipais e o peche de todas as instalacións municipais durante 14 días, prorrogables en caso de necesidade


  • Estas medidas únense ao peche das instalacións do Club de Xubilados e da piscina municipal, adoptadas onte xoves, e á cancelación dos 3 próximos mercadillos

O Concello de Noia vén de acordar unha serie de medidas preventivas para evitar a propagación do Coronavirus COVID-19, tomadas esta mañá nunha xuntanza de voceiros de todas as forzas municipais convocada polo alcalde Santiago Freire Abeijón. Despois deste encontro, o Concello de Noia decretou a suspensión de todas as actividades que se realicen ou estean programadas realizar nos distintos centros públicos do municipio por un período de 14 días.

Unhas instalacións que tamén estarán pechadas ao público por esas dúas semana: Coliseo Noela, centros cívicos das distintas parroquias, biblioteca municipal, Casa da Cultura, piscina municipal, instalacións deportivas, Edificio “Emilio Fontán”, edificio de servizos administrativos “O Matadoiro”, Conservatorio Municipal Felipe Paz Carvajal e Local de Ensaio Prudencio Romo.  As dúas semanas de suspensión poderían prorrogarse en caso de necesidade.

Así mesmo, tamén se procede ao peche de mercadillos e mercados na vía pública, tanto de produtos téxtiles como alimentarios. Unha medida que se aplicará xa este domingo e afectará inicialmente aos tres próximos mercadillos previstos (xa que o xoves 19 non habería por ser día festivo). Ademais, o Concello de Noia pechará os parques infantís que, como o da Alameda, dispoñan de peche perimetral e recomenda que non se utilicen os outros.

Estas medidas únense ás tomadas onte xoves en canto ao peche das instalacións do Club de Xubilados de Noia e da piscina municipal. Neste último caso, as persoas usuarias só aboarán os días nos que a instalación estivo operativa, séndolles devolto o resto do mes de forma automática.

Finalmente, o Concello de Noia lembra á veciñanza que todas estas medidas teñen carácter preventivo e fai un chamamento á calma e a actuar con mesura, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias.